Julio Torrado listas de espera Sanidade 3 de noviembre de 2026

Torrado reclámalle á Xunta que priorice os problemas da sanidade e non os do PP: «Resolvan as listas de espera, que polos ministerios van ter que agardar outra vez»

O deputado do PSdeG insistiu en que “nunca esperou tanta xente tanto tempo por unha cita médica especializada” e alertou de que o Goberno galego planea reducir en tres millóns o número de consultas de atención primaria durante o vindeiro ano

O portavoz de sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, criticou hoxe as prioridades dun PP que pensa máis nas vindeiras eleccións que nos problemas que afectan á sanidade galega. “Resolvan as listas de espera, que polos ministerios van ter que agardar outra vez”, recomendoulles aos populares durante a súa intervención esta tarde no pleno do Parlamento

O deputado socialista defendeu unha iniciativa a través da que se insta á Xunta, entre outras cousas, a pór en marcha un plan de contratación “que incorpore ao sistema sanitario profesionais que afronten de maneira directa os labores de redución das listas de espera, axilizando os trámites e facilitando a actividade en todos os tramos (cirurxía, consultas e probas diagnósticas)”.

Julio Torrado insistiu en que en Galicia “nunca esperou tanta xente tanto tempo por unha cita médica especializada” e advertiu, ademais, que o problema se está sufrindo tamén na atención primaria. Mentres, “o plan do PP” ao respecto xa se pode ver nos Orzamentos do 2027, tal como apuntou. “Haberá tres millóns de consultas menos en atención primaria”, resumiu. Por iso, lamentou que haxa que ver a o conselleiro rir cando se lle fala de listas de espera.

Reprochou tamén o voto en contra do PP a unha iniciativa socialista “para que computen todas as esperas”, e a esa falta de transparencia engadiu outra crítica: “Cando os profesionais din que non van facer máis peonadas, o conselleiro non entende que el é o responsable”.

A iniciativa que Torrado levou á sesión plenaria propuña novamente que se modifique o sistema de cómputo das listas de espera co obxectivo de “incorporar a todas as persoas e contabilizar correctamente os tempos, permitindo así facer unha mellor avaliación das políticas públicas”. “Existe un corpo de inspección que está preparado para iso, pero que non o fai porque os responsables son cargos de confianza”, recordou o parlamentario socialista, que cuestionou que “avalíen os responsables de que as listas medren”. A iso uniríase abrir un período de negociación cos representantes dos traballadores “e do colectivo de profesionais que manteñen a parálise da autoconcertación” (peonadas).

“Se en catro anos o problema foi medrando, isto vai ir a peor se non facemos nada”, alertou Torrado sobre uns datos “que son desastrosos incluso sendo mentira” e que van medrar mentres o PP “está pensando máis en outras cousas que non resolven unha situación xa crítica”.

Noticias relacionadas