Julio Torrado OXG27 PARLAMENTO DE GALICIA 27 de octubre de 2026

O Grupo Socialista denuncia que o Plan de Mellora da Atención Primaria do PP prevé reducir tres millóns de consultas durante o próximo ano

Julio Torrado sinala que os orzamentos para 2027 “non son útiles” para mellorar a sanidade pública, e acusa ao conselleiro de agochar os cadros de persoal mentres prevén entregarlles máis de 400 millóns de euros aos operadores privados

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2026. O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, advertiu hoxe que o Plan de mellora da Atención Primaria do PP «consiste en reducir tres millóns de consultas» o próximo ano, como apuntan os Orzamentos da Consellería de Sanidade. Torrado advertiu que as contas para o próximo ano “non son útiles” para mellorar a sanidade pública e fracasan á hora de mellorar a capacidade asistencial mentres as listas de espera continúan disparadas.

O responsable socialista advertiu que os orzamentos para o próximo ano desacreditan o Plan de Mellora de Atención Primaria reducindo a capacidade asistencial “nun país que medra en idade media”. Ironizou co feito de que por moito que os anuncios presenten un “plan hiperrevolucionario”, os galegos e galegas teñan que soportar máis esperas cada ano.

Ademais, advertiu que os Orzamentos inclúen unha “declaración unilateral de culpabilidade” cando ao mesmo tempo que anuncian que van incrementar o persoal, nas contas para o próximo ano fixeron desaparecer os cadros de persoal. Criticou que non queiran explicar “canto, como, onde, en que categorías” prevén incrementar o persoal, e que segundo os anuncios do conselleiro suporá a metade dos profesionais que Galicia xerará nos próximos catro anos.

Tampouco resolverá o grave problema das listas de espera en Galicia, que “son falaces e son mentira”, mentres o PP négase a cambialo para homoxeneizar os criterios e establecer un sistema transparente. Aludiu ao voto en contra das comunidades do PP no último Consello Interterritorial de saúde, onde se negaron a adaptar o modelo de cómputo, lamentou, “co argumento de que xa se facía así de antes”.

Advertiu que, incluso seguindo os datos “falaces” do goberno do PP, que non conta os pacientes en lista de espera ata que non teñen cita fixada, hoxe hai en Galicia máis de 425.000 persoas esperando pola cita médica, cunha espera media de seis días en atención primaria e de seis meses en Saúde Mental.

Sanidade privada

O responsable socialista criticou que mentres empeoran a calidade asistencial na sanidade pública, o goberno galego vai destinar o próximo ano máis de 400 millóns de euros á sanidade privada, incluíndo máis de 260 millóns de euros que serán pagados directamente para a asistencia sanitaria por operadores privados. Ademais, lembrou que o goberno galego pagará outros 40 millóns de euros polo canon do concerto co Álvaro Cunqueiro e outros 100 millóns para Povisa.

Noticias relacionadas