- O secretario xeral do PSdeG pide que deixen votar o 29N aos nacionalizados pola Lei de Netos, como reclaman a Fiscalía e a Avogacía do Estado, e censura o «silencio cómplice» do presidente da Xunta
- Besteiro pide un voto útil fronte á ameaza real dun goberno de dereita e ultradereita e afea que Feijóo, ex presidente de Correos, poña en dúbida o voto por correo
Lugo, 12 de outubro de 2026. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe en Lugo a Feijóo e a Rueda de envolverse na bandeira de España no Día da Hispanidade mentres prexudican «os intereses e os dereitos de moitos galegos e galegas, de moitos españois e españolas». Referíase á posición do PP fronte á Lei de Netos, a vía da Lei de memoria democrática pola que miles de descendentes da emigración obtiveron a nacionalidade española, e ao seu dereito a votar nas eleccións xerais do 29 de novembro.
Os netos e netas dos que marcharon «están absolutamente preocupados porque se lles trata como galegos e galegas de segunda», advertiu. E lembrou que, «de todos os dereitos que outorga a nacionalidade, un dos principais é elixir e poder votar». Falou das miles de familias repartidas por Arxentina, Uruguai, Brasil, Venezuela ou Cuba, descendentes de quen saíu na Guerra Civil e na posguerra «escapando da persecución aquí no noso país».
O Tribunal Supremo suspendeu en setembro, de forma cautelar, o voto dos nacionalizados por esta vía que non acrediten o exilio dos seus antepasados. Agora decide se a levanta, e Besteiro confía nunha resolución «conforme co que a Fiscalía e a propia Avogacía do Estado piden e solicitan, que esas persoas poidan votar o 29 de novembro».
A petición do PSOE e do Goberno de España coincide, insistiu, coa daquelas institucións «que defenden os intereses do Estado e, polo tanto, os intereses dos nosos nacionais».
A Rueda reprochoulle o seu «silencio cómplice» por non defender, dixo, a estes galegos e galegas. E apuntou a unha contradición que, ao seu xuízo, retrata o PP. «Despois danse golpes no peito, fan chamamentos á emigración, á igualdade de dereitos dos emigrantes, cando na práctica intentan roubar e cercenar ese dereito».
Para o líder socialista, a lei permite reconciliarse co pasado e «pagar unha xusta débeda» cos que se foron en busca dun futuro mellor e querían que os seus netos e netas gozasen da nacionalidade española «sen restricións e sen ser medio galegos». A quen voten é o de menos. «Nós desexamos que expresen a súa vontade libremente, con independencia de a quen teñan por ben votar. Aquí o importante é recoñecerlles que a súa nacionalidade é unha nacionalidade plena».
Sobre as dúbidas que o PP está a sementar arredor do voto por correo, Besteiro falou dunha «campaña de bulos masivos que fai a dereita e a ultradereita» e sinalou directamente a Feijóo. O líder do PP presidiu Correos entre 2000 e 2003. «Quen foi presidente de Correos e agora é o xefe da oposición manifesta as súas dúbidas sobre a legalidade e o procedemento que se fai no voto por correo. É realmente sorprendente».
A elección no 29N está entre dous modelos
O outro eixo foi o 29N. Besteiro pediu a quen está chamado ás urnas que «saiba claramente e vote con racionalidade» o que quere. «Aquí a elección é entre dous modelos, non hai máis», sostivo, «respectando todas as posicións políticas, que son lexítimas». E de aí tirou a consecuencia: «Hai dous modelos e, polo tanto, hai dúas formas de votar».
En Lugo e no resto de Galicia e de España reclamou un voto útil. “Por que? Porque a ameaza dun goberno de dereita e de ultradereita é máis que real». Para quen está en contra desa forma de gobernar hai, ao seu xuízo, «soamente unha forma de votar útil, racional».
Tamén avisou de que «de nada serve lamentarse se non facemos ese voto pensando en que goberno queremos, pero sobre todo en que España, en que Galicia queremos para os vindeiros anos». Para quen non cre nun goberno de dereita e ultradereita, ese voto «só ten un valor racional, posible e real, que é o valor do Partido Socialista».
Besteiro pechou convencido de que o PSOE vai «saír a gañar esas eleccións», como dixo o secretario xeral e presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
