Día do Vecino 2026 Lara Méndez Lugo 18 de octubre de 2026

Lara Méndez pide no Día do Veciño de Lugo frear o 29N o recorte de dereitos que PP e Vox “xa nin se molestan en agochar”

  • A secretaria de Organización do PSdeG denuncia que a dereita e a ultradereita gobernan para os seus amigos e reclama defender nas urnas as pensións, a vivenda ou a sanidade pública
  • Reivindicou a necesidade da  «forza da xente» para defender a democracia dende a festa que reuniu en Lugo a máis de 5.000 veciños e veciñas
  • Abel Caballero, a quen Méndez puxo como exemplo de facer política desde o local para os veciños e as veciñas, tamén participou na festa

A seis semanas das eleccións xerais do 29 de novembro, a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, aproveitou este domingo o Día do Veciño de Lugo para chamar a defender nas urnas os dereitos “que tanto custou conseguir”. 

A cita, que chega á súa XXIV edición no Pazo de Feiras e Congresos e que organiza a Federación de Asociacións de Veciños da Provincia de Lugo Lucus Augusti, reuniu a unhas 5.000 persoas de toda a provincia e serviu a Méndez para facer a lectura política da campaña que vén. «Os dereitos que hoxe temos non caeron do ceo, conseguíronse porque a xente se organizou e se mobilizou, como fai o movemento veciñal. O que queren PP e Vox é recortalos, e xa nin se molestan en agochalo, porque gobernan para os seus amigos e non para a maioría da xente», afirmou.

A mensaxe enlaza co acto que o PSOE celebrou onte en Fuenlabrada (Madrid), xusto despois de que o Comité Federal ratificase por unanimidade as candidaturas ao Congreso e ao Senado e proclamase a Pedro Sánchez candidato á Presidencia do Goberno. Baixo o lema «La fuerza de la gente», Sánchez puxo as pensións no centro do discurso, advertiu a PP e Vox de que non se tocan e reafirmou que o seu Goberno as revalorizará co IPC. 

Situou tamén a vivenda como outra das grandes causas desta xeración. Méndez recolleu o testemuño desde Lugo. «Onte dixéronse en Fuenlabrada cousas moi claras e quero repetilas aquí, entre veciños e veciñas. As pensións non se tocan, a vivenda ten que ser un dereito e os servizos públicos non se negocian».

Segundo a dirixente socialista, o que PP e Vox deixaron ver nas últimas semanas desmonta calquera intento de aclaración posterior. 

O 2 de outubro votaron no Congreso, xunto con Junts, contra os decretos de vivenda coñecidos como decretos Maricarmen, que protexían as persoas vulnerables dos desafiuzamentos e prorrogaban os contratos de aluguer que vencen este ano. Poucos días despois, o deputado de Vox José María Figaredo defendeu transformar o sistema público de pensións nun modelo mixto de reparto e capitalización individual, e o 10 de outubro Feijóo prometeu en Ifema «un Goberno que vos pida sacrificio». Pero segue sen concretar de que sacrificios fala. 

«Unha muller de 87 anos morreu desafiuzada e PP e Vox votaron que non a evitar que volva pasar. Despois falan de privatizar as pensións e de pedir sacrificio. Que digan a quen llo van pedir, porque á banca e aos fondos voitre seguro que non. Esa é a maneira que teñen de gobernar para os seus amigos», sinalou.

Méndez lembrou que na provincia de Lugo non fai falta imaxinar o que supón esa palabra. «Aquí sabemos moi ben o que significa unha pensión, porque en moitísimas casas é o que sostén a familia enteira, e tamén sabemos o que pasou a última vez que o PP gobernou, con subas do 0,25 % ano tras ano mentres os prezos non paraban de subir. Garantir por lei que as pensións soben co IPC foi unha decisión política, e deixar de facelo sería outra», afirmou.

O movemento veciñal, argumentou, é a mellor proba de que os dereitos non chegan soos. «Foron as asociacións as que levaron aos concellos e á rúa a esixencia de máis sanidade e de mellores comunicacións para o rural, e iso non llo regalou ninguén a Lugo. Os recortes nunca chegan co seu nome. Chegan como unha consulta que tarda máis ou como unha persoa dependente que pasa meses agardando por unha axuda, e quen o sofre primeiro é sempre quen menos ten», dixo.

Á festa achegouse tamén o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a quen Méndez puxo como exemplo do que significa facer política desde o local. «Abel demostra cada día que a política útil se fai pisando a rúa e resolvendo o que de verdade lles preocupa aos veciños e veciñas. Esa é a política que o socialismo defende para Galicia e para España, a que goberna para a xente e non para uns poucos amigos. 

A secretaria de Organización do PSdeG, que estivo acompaña por varios concelleiros da corporación municipal, agradeceu o traballo da Federación Lucus Augusti e reivindicou o movemento veciñal como unha escola de democracia próxima. «Aquí está a forza da xente da que falamos onte en Fuenlabrada, xente que se organiza e que non se resigna. O 29 de novembro esa forza ten que notarse nas urnas», concluíu.

Noticias relacionadas