Julio Torrado PARLAMENTO DE GALICIA Sanidade 20 de octubre de 2026

Torrado a Gómez Caamaño:  “Hoxe en Galicia é máis fácil conseguir unha cita no Tinder que no Sergas”

O portavoz socialista de Sanidade sostén que o plan de atención primaria deixa sen contratar arredor da metade dos profesionais que Galicia formará ata 2030 e que o tope de 30 pacientes ao día non acabará coas esperas

Torrado reprocha ao Goberno galego que presente novos plans sen avaliar os anteriores e pídelle ao conselleiro que “anuncie menos e cumpra máis”

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2026. O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Julio Torrado, abriu a súa réplica ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, cunha comparación que resume o que vive hoxe calquera paciente que tenta ver o seu médico: «Hoxe en día en Galicia, para ter unha cita, os galegos e as galegas téñeno máis fácil no Tinder que no Sergas». O conselleiro comparecía este martes na Cámara para presentar o Plan de reforma da atención primaria e comunitaria 2026-2030, e Torrado recordoulle que, fale do que fale, «hoxe na atención primaria galega hai unha espera que non houbo nunca», e lamentou que na súa intervención -a do conselleiro- non apareceu ningunha idea capaz de resolvela.

Torrado desmontou despois as cifras do plan. Os 320 millóns de euros comprometidos en catro anos quedan moi curtos se se poñen ao lado do que a atención primaria ten só no orzamento deste ano, uns 1.750 millóns. Coas contas deste exercicio, en catro anos a primaria moverá arredor de 7.000 millóns, e a reforma que ía darlle a volta ao modelo non chega nin ao 5% desa cantidade. «Case sen facer nada, igual acabamos investindo máis», resumiu.

O que máis lle chamou a atención foi o capítulo de persoal. A Xunta anuncia 644 novas prazas ata 2030, 165 delas de medicina, e Torrado comparou esa cifra co número de especialistas que sairán das unidades docentes galegas no mesmo período, máis de 1.200 profesionais formados para a atención primaria. «Vostedes xa nin sequera se propoñen contratar os que imos formar», reprochoulle, antes de cualificar o plan como «a asunción máis clara de incompetencia» que se viu neste Parlamento en moito tempo.

O plan de Caamaño tampouco resiste a calculadora, dixo, e puxo como exemplo a medida máis visible da reforma, o límite de 30 pacientes ao día nas consultas de medicina de familia. Torrado preguntoulle a Gómez Caamaño  cantos pacientes ve hoxe de media un médico de primaria en Galicia, un dato que o Goberno non achegou, e fixo a conta cunha estimación á baixa de 37.

“Con preto de 2.750 médicos de familia no sistema, rebaixar as axendas a 30 suporía deixar de ofrecer arredor de 19.000 citas cada día. «Que é o que vai pasar? Que non as imos perder. Van a ter que facelas igualmente», explicou.

Na segunda quenda insistiu en que eses pacientes «non se evaporan» e en que só hai dúas saídas: ou o tope non será real ou as consultas que sobren irán engordar a lista de espera. A súa conclusión é que a Xunta acabará pagando máis pola mesma actividade que hoxe xa provoca esperas inasumibles.

Torrado lembrou tamén que varias das medidas que agora presenta o PP como novidade foron rexeitadas polos populares cando as propuxo o PSdeG. O caso máis claro é o dos podólogos nos centros de saúde, unha proposta que os socialistas levaron á Cámara en maio de 2017 e que o PP votou en contra. «Hoxe, case dez anos despois, veñen vostedes dicir aquí que hai que incorporar podólogos en primaria. Benvidos», ironizou.

Lembrou o mesmo coa paridade entre enfermeiras e médicos, que o PP tamén rexeitou cando se debateu no Parlamento, e coa Dirección Xeral de Atención Primaria, suprimida en 2009 por Feijóo e recuperada agora. «Chegan tarde, pero benvidos tamén», díxolle ao conselleiro.

As unidades de apoio administrativo tampouco convencen ao deputado socialista, que describiu a proposta da Xunta como un administrativo por cada seis centros de saúde, unha medida que deixa o problema a medio camiño. «Señor conselleiro, non se pode cruzar un precipicio en dous saltos. É fisicamente imposible e é o que quere facer vostede», advertiu.

Fronte aos anuncios, Torrado defendeu a reforma que, segundo dixo, os profesionais levan anos describindo. Pasa por xestionar a demanda con sistemas de triaxe na primaria cando faga falta e por cambiar o cálculo dos cupos, para que se midan pola frecuentación dos pacientes e non só polo número de persoas asignadas a cada profesional. «Non é o mesmo atender no centro da Coruña que atender no medio do rural, no Caurel», explicou.

O deputado reprochoulle tamén ao Goberno galego que presente plans novos sen avaliar os anteriores. «Non se trata de anunciar novos plans cada dous ou tres anos aquí e crer que un inventa a pólvora», dixo, antes de pecharlle a réplica ao conselleiro cunha petición directa: «Anuncien menos. Cumpran máis. Ou polo menos cumpran algo».

Torrado iniciou a súa intervención cunha lembranza para Xosé Manuel Beiras, falecido o pasado 8 de outubro, de quen dixo que fixo grande o país tamén a través do Parlamento.

Noticias relacionadas