Accidente de Urda Besteiro José Ramón 1 de noviembre de 2026

Besteiro: “As familias e as vítimas merecen coñecer toda a verdade e que se esixan as responsabilidades que correspondan”

  • O secretario xeral do PSdeG respalda desde Monterroso o compromiso do Goberno de investigar ata o final o acontecido en Urda: “É o que lles debemos ás vítimas e ás súas familias, e tamén á cidadanía, que ten dereito a subir a un tren coa tranquilidade de que viaxa con todas as garantías de seguridade”
  • O socialista tivo un recordo especial para os achegados da pontevedresa María Vázquez Nieto, que onte se confirmou que perdeu a vida na traxedia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, trasladou hoxe desde a feira de Monterroso todo o seu cariño e solidariedade ás familias e amizades das persoas falecidas no accidente ferroviario de Toledo, cun recordo especial para a da pontevedresa María Vázquez Nieto, que perdeu a vida na traxedia. Tamén expresou o seu apoio ás persoas feridas así como a todas as familias que aínda agardan noticias dos seus seres queridos. “Non me podo nin imaxinar o que deben estar a sufrir”, recoñeceu.

Besteiro lembrou que Galicia sabe desde Angrois o que supón vivir de preto unha traxedia ferroviaria e defendeu que as vítimas e as súas familias merecen saber que pasou, por que pasou e se se podía ter evitado. Por iso apoiou o compromiso do Goberno de España de levar a investigación ata o final”

“Hai que esclarecer todo o sucedido e, se houbo fallos ou neglixencias, esixir as responsabilidades que correspondan», sinalou. Besteiro insistiu en que a investigación debe permitir tamén identificar e corrixir calquera deficiencia para reforzar a seguridade ferroviaria.

“É o que lles debemos ás vítimas e ás súas familias. E tamén á cidadanía, que ten dereito a subir a un tren coa tranquilidade de que viaxa con todas as garantías de seguridade”, sinalou.

Noticias relacionadas