Carlos López Font puntualiza que “nin a Xunta pode desentenderse de Tomiño nin o Concello pode conformarse con actuacións parciais”
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2026. O parlamentario socialista Carlos López Font dirixiuse hoxe á Xunta e ao goberno de Tomiño para reclamarlles que colaboren no desenvolvemento do saneamento integral do Concello. O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Ordenación Territorial para pedirlle ao goberno galego que complete o saneamento do Concello, pero que foi rexeitada polo PP.
López Font advertiu que “nin a Xunta pode desentenderse de Tomiño nin o Concello pode conformarse con actuacións parciais”, e puntualizou que cada administración “debe asumir a parte de responsabilidade que lle corresponde”.
Urxiu a comezar pola planificación dos colectores para integrar as redes que xa existen mediante un colector xeral e “avanzar cara un tratamento eficaz das augas residuais” e previr a contaminación dun concello especialmente sensible pola súa riqueza medioambiental.
Reclamou así “planificación, financiamento e compromisos compartidos” para despregar unha infraestrutura fundamental para os veciños e veciñas do Concello “con independencia da parroquia na que residan” porque, explicou, “a realidade é que hoxe en Tomiño continúan existindo importantes diferencias no acceso ao saneamento das diferentes parroquias”.
Por iso emprazou a Augas de Galicia a que se coordine con Tomiño para elaborar “un proxecto técnico que permita abordar as necesidades xerais de saneamento”, fixando “as actuacións necesarias, as conexións pendentes e as solucións técnicas máis axeitadas”.
Ademais, explicou que a actuación precisa dun proxecto que dea base á planificación real imprescindible para acceder ao financiamento necesario, que inclúa tanto os fondos europeos como as fórmulas de cooperación financeira entre as administracións. En definitiva, resumiu, Xunta e Concello “deben colaborar para determinar as necesidades reais, redactar os proxectos e buscar o financiamento necesario para executalos”.
