BESTEIRO: “CADA DÍA DE CAMPAÑA CRECE A MOBILIZACIÓN NA RÚA E O VOTO SOCIALISTA EN LUGO SERÁ DECISIVO PARA GAÑAR O 29N”
O secretario xeral do PSdeG asegura en Vilalba que o PSOE gañará as eleccións e pide un último empuxón para gobernar catro anos máis
Os candidatos Patricia Otero e César Mogo chaman a concentrar o voto no PSOE fronte á abstención e á dispersión
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, chaman a saír votar para defender e ampliar os dereitos conquistados
José Ramón Gómez Besteiro abriu o mitin de Vilalba lembrando que hoxe fai 93 anos que as mulleres votaron por primeira vez nunhas eleccións xerais en España, un salto «como moitas conquistas de dereitos que agora precisamente están sendo cuestionadas». Por iso o secretario xeral do PSdeG fala de eleccións «históricas» o 29 de novembro, e asegura que a campaña se nota cada día máis na rúa. «Estou vendo que cada vez hai máis mobilización», dixo antes de lanzar o seu prognóstico: «Podo dicirvos aquí en Vilalba que o partido que vai gañar as eleccións é o Partido Socialista».
Gañar, con todo, non abonda, polo que Besteiro pediu empregarse «a tope» nesta última semana para gobernar España catro anos máis, e levar a cada conversa unha pregunta: quen vai defender os teus intereses a partir do 29 de novembro? A súa resposta é a dun partido que Pablo Iglesias fundou hai case 150 anos para defender a clase traballadora. «Nós gobernamos para a xente. Por iso somos a forza da xente», resumiu.
Reivindicou tamén a Pedro Sánchez como un presidente que «non escapa dos problemas» e que deu a cara na pandemia, nos incendios, nas inundacións e nas crises económicas derivadas das guerras, e tamén en Europa cando houbo que conseguir fondos, «só, porque o PP tampouco axudou». Nada que ver, dixo, cun Mariano Rajoy que ante as crises optaba por «sestear» e «mirar para outro lado”.
Con ironía, Besteiro respondeu a Feijóo, que o pasado sábado en Santiago cifraba en «600 quilómetros e 15 días» a distancia entre Monte Pío e a Moncloa. O mellor que fixo por Galicia, dixo Besteiro, foi marcharse, e o 29 de novembro toca poñerlle «un sinal de stop para que non chegue a ser presidente do Goberno». Tampouco lle dá creto ao millón de vivendas que promete: «Cando estivo aquí de presidente, cantas fixo?».
O que está en xogo, insistiu, son dereitos, e advertiu dunha «ameaza tan brutal de recortes» que chegaría ás pensións e aos servizos públicos, da man dun PP e un Vox que «pensan o mesmo, din o mesmo e fan o mesmo».
Lembrou que a dereita chamou ao sistema de dependencia que creou Zapatero «un invento moi caro dos socialistas» e que, coa lei do divorcio, parecía que divorciarse ía ser obrigatorio. O mesmo pasa co matrimonio igualitario ou coa eutanasia, da que xa fixeron uso máis de 1.600 persoas. «Son dereitos importantes a nivel individual, e nós non somos quen para cercenar eses dereitos», defendeu.
Mañá fará 51 anos da morte do ditador e, na vila natal de Manuel Fraga, Besteiro non deixou pasar a ocasión: «Eu xa empezo a botar en falta esa dereita de Fraga, porque era máis progresista que este Feijóo, que está con Vox absolutamente contaminado». Se cada persoa se pregunta quen defende os seus intereses, concluíu, «o resultado non pode ser outro que votar o Partido Socialista». E pechou cun encargo para a última semana: «Hai moito que empuxar e, sobre todo, moito que convencer».
Previamente, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, lembrou que «a política cambia a vida das persoas. Grazas a iso puiden estudar e ser alcaldesa» e, fronte aos discursos «que queren facernos crer o contrario», chamou «a saír votar e demostrar que si nos importa o futuro».
Tras Rouco e Besteiro tomou a palabra a alcaldesa de Burela e presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, que insistiu en que os dereitos dos que hoxe gozamos todos e todas «custou moito conquistalos» e lembrou que a moitas persoas o recoñecemento deses dereitos «cámbialles a vida». «O voto socialista é seguir defendéndoos e ampliándoos», asegurou.
O senador e candidato á reelección César Mogo sinalou que o Partido Socialista é «a única forza política cun proxecto para gobernar España», porque nin Vox nin PP teñen programa, senón motoserra. Tamén salientou que a campaña vai «na boa dirección», para acadar a vitoria o 29N e para gobernar. «Agora, a abstención e a dispersión do voto son os adversarios, porque o PP xa perdeu por incomparecencia», dixo.
A cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Lugo, Patricia Otero, advertiu directamente sobre algunhas das cuestións que están en xogo nestas eleccións. En primeiro lugar, mencionou as pensións e o salario mínimo, e a continuación chamou a atención sobre «as declaracións de Feijóo sobre a eutanasia e o aborto», dous dereitos en serio perigo se PP e Vox chegan á Moncloa. «Por iso, pídovos que concentredes o voto no PSOE», concluíu.
