Aitor Bouza PARLAMENTO DE GALICIA Vivenda 11 de septiembre de 2026

O Grupo Socialista esíxelle a Rueda que transfira «de inmediato» aos concellos os cinco millóns de euros que recibirá do Estado para as zonas residenciais tensionadas

Aitor Bouza alerta de que “non se pode combater o drama da vivenda furtando os cartos e furtando tamén as medidas” despregadas dende o goberno central

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026. O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Aitor Bouza, esixiulle hoxe ao goberno galego do PP que transfira “de inmediato” aos concellos os máis de cinco millóns de euros que vai recibir do Estado para as zonas de mercado residencial tensionado, sinaladamente A Coruña e Santiago. Bouza esixiulle a Rueda que “non se quede cos cartos” que lles corresponden aos concellos.

O responsable socialista lembrou que o goberno galego, ademais de torpedear a declaración de zonas tensionadas, nos anos anteriores non repercutiu as partidas á cidade da Coruña, e esixiulle que desta volta “poña de inmediato eses fondos a disposición dos concellos”. Anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para garantir que “os cartos non queden no peto do goberno da Xunta de Galicia” e que permita aos entes locais administrar uns recursos que lles corresponden.

Criticou que o goberno galego se teña dedicado a “poñer paus nas rodas” para evitar a posta en marcha das zonas de mercado residencial tensionado, mesmo aprobando unha normativa específica a través da Lei de Acompañamento para que teñan que ser os concellos os que desenvolvan os plans que habiliten a medida que habilita a Lei de Vivenda.

Advertiu que “o único que fan é poñer o logotipo da Xunta de Galicia” para “apropiarse de medidas que non son deles” mentres “castigan” aos gobernos locais que queren resolver o problema da vivenda. Aludiu neste sentido á xestión do Bono Alugueiro para menores de 36 anos, que o goberno autonómico debía xestionar cos fondos estatais e que, explicou, o PP primeiro criticou e despois, no momento de aplicala, “excluíron absolutamente ao goberno do Estado”.

Lembrou que o rexistro de demandantes de vivenda é “cada vez maior”, superando xa as 30.000 persoas inscritas, o que da a medida do “drama” dunha “emerxencia habitacional que non se pode combater simplemente furtando os cartos e furtando tamén as medidas”. Sinalou que “ten que haber unha política seria de vivenda que se comprometa con tódalas galegas e os galegos que precisan das políticas públicas da Xunta de Galicia para poder vivir en dignidade”.

Advertiu que “xa coñecemos” as políticas do goberno galego en materia de vivenda, onde “os seus fondos non se executan” para unha xestión “inexistente” durante os anos de goberno do PP na Xunta de Galicia ao tempo que despregan “publicidade a bombo e platillo” para  vender como propias “medidas que non implementan eles”.

Noticias relacionadas