Educación Paloma Castro Pontevedra 23 de septiembre de 2026

O PSdeG denuncia o «histórico e continuado abandono» do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra por parte da xunta e reclama un plan integral para a modernización do centro

Paloma Castro criticou o deterioro das infraestruturas, a falta de mantemento, a masificación, os recortes no persoal e a falta de diálogo coa comunidade educativa

A deputada do PSdeG Paloma Castro reclamoulle hoxe á Xunta o desenvolvemento urxente dun plan integral de reforma e modernización do IES pontevedrés Frei Martín Sarmiento. Durante o pleno do Parlamento galego celebrado esta mañá, denunciou o “histórico e continuado abandono” dunha infraestrutura educativa que sofre “importantes problemas de mantemento e conservación”, entre os que se atopan deficiencias graves de illamento térmico, filtracións de humidades, ou uns servizos en mal estado. Apuntou, por outra banda, que se trata do único IES da cidade que non dispón de ascensor, “cando o axeitado sería que tivese dous para garantir a accesibilidade”.

Castro invitou ao conselleiro a visitar o instituto. “Así poderá comprobar que precisa unha renovación integral e non pode seguir agardando máis”, asegurou. Recordoulle tamén que ao centro asisten máis dun milleiro de estudantes. De feito, mentres se incrementou a oferta educativa, “non medraron nin os espazos nin o persoal conforme ás necesidades”. Como exemplo puxo que só hai unha única orientadora para todo ese alumnado.

A parlamentaria socialista defendeu unha iniciativa a través da que censuraba que durante máis dunha década o Goberno galego “vén ignorando as continuas demandas” da comunidade educativa en canto a reformas, “mentres noutros centros se executan investimentos de xeito prioritario”. Criticou tamén a falta de espazo malia a “imposición de novas ofertas formativas por parte da Consellería”, o que implica “unha saturación das aulas e a perda de salas específicas”.

Afeoulle tamén a “falta de diálogo e receptividade”, xa que tanto o equipo directivo do centro coma a ANPA e o propio alumnado teñen trasladado todas esas demandas a través das canles oficiais “sen obter unha resposta concreta, nin plans de investimentos, nin compromisos orzamentarios firmes”.

Noticias relacionadas