29N José Ramón Gómez Besteiro 20 de noviembre de 2026

Besteiro: «Feijóo perdeu onte, perdeu hoxe e perderá o 29N»

O líder dos socialistas galegos reivindica “a política das boas persoas” que representa Pedro Sánchez, que é “firme cos poderosos e comprometido cos vulnerables”

O socialistas fan historia enchendo o pavillón do Multiusos Fontes do Sar no mitin central de Pedro Sánchez en Galicia

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2026. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou hoxe en Santiago que “Feijóo perdeu onte, perdeu hoxe e perderá o 29N”. Besteiro aludiu ao debate de onte e ao cheo absoluto do mitin de hoxe protagonizado por Pedro Sánchez no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela, cun aforo estimado en 10.000 persoas.

O líder dos socialistas galegos dixo que no cara a cara de onte “perdeu a mentira fronte á verdade, o insulto fronte á educación, os recortes fronte aos dereitos, e a lama fronte á política limpa” que representa Pedro Sánchez”. Na súa intervención no mitin de hoxe Besteiro reivindicou “a política das boas persoas” como o candidato socialista á presidencia, que é “firme cos poderosos e comprometido cos vulnerables”.

Besteiro lembrou a conmemoración, hoxe, dos 51 anos da morte do ditador, antes de sinalar que “PP e Feijóo pásanlle pola dereita ao PP de Fraga, pedalendo marcha atrás nese camiño polo pasado”. Así o dixo lembrando a oposición de Feijóo e a extrema dereita á Lei de Memoria Democrática e ao dereito ao voto dos descendentes dos emigrantes aos que o franquismo lles negou a nacionalidade española.

O secretario xeral do PSdeG fixo un percorrido pola traxectoria de Feijóo como presidente da Xunta durante 13 anos nos que multiplicou por tres a débeda e que todos menos un rematou con déficit. Lembrou que “aínda estamos agardando polos floteis de Pemex” que prometeu en campaña electoral en 2012 e dos que non se sabe nada, que cedeu a xestión do Hospital de Vigo á empresa privada por 470 millóns máis e con 500 camas menos.

Criticou tamén o perfil “machista” do candidato do PP, á quen lle puntualizou que “ser feminista non é ter nai, fillas e estar rodeado de mulleres, ser feminista é defender as mulleres e garantir o dereito das mulleres”. Criticou así que o PP queira retroceder no dereito ao aborto liderado por un candidato que “foi capaz de xustificar a violencia machista dicindo que a violencia vicaria non era violencia ou que viña dun divorcio duro”.

Ironizou coa “desorientación” de Feijóo que cando era o máximo responsable do Sergas ía de viaxe co narcotraficante Marcial Dorado, que “ata Rueda coñecía, como toda Galicia”. Rematou lembrando que “o mellor que fixo por Galicia foi marcharse, e o peor que pode facer por España é quedarse”.

Besteiro interveu no mitin de Sánchez na capital galega, no que estiveron acompañados pola plana maior da representación institucional e política do PSdeG e ao que se sumaron os ex presidentes da Xunta Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño.

Obdulia Taboadela

Obdulia Taboadela, número 1 da candidatura socialista ao Congreso pola Coruña, insistiu, durante a súa intervención, na chanza da noite. “Feijoo, facemos outra aposta?”, retouno despois de que o Multiúsos do Sar se enchera para o mitin do PSOE.

Taboadela advertiu á audiencia: “As dereitas intentan que non vaiamos votar, e incluso que non voten os netos dos exiliados”. Por iso chamou á mobilización. “Hoxe estamos aquí os netos. Os netos da pobreza, do analfabetismo, da represión e dos fusilamentos”, recordou, e engadiu: “O talento está repartido, pero as oportunidades non, e imos seguir traballando para que si o estean”.

A cabeza de lista coruñesa rematou cun desexo. “Quero un presidente que mire aos ollos da xente, que coide da xente, e que poña empatía, afecto e amor no centro de todas as políticas”, dixo en referencia a Pedro Sánchez.

Tamén a presidenta do PSdeG, Carmela Silva, denunciou que Feijoo “só defende aos privilexiados”. “Mala xente que Camiña e vai apestando a terra”, dixo citando a Machado.

Silva dirixiuse a Sánchez para expllicarlle por que o vai votar. “Pola miña irmá, que faleceu hai tres anos, tivo catro cancros e ao final houbo que sedala. Defendo a morte digna”, dixo. Fronte a iso, cricitou a unha dereita “que non ten compasión nin ante a dor da xente que sofre”. “Pedro, representas a luz dos dereitos e as liberdades. Eles, a negra sombra”, finalizou.

Abriu o mitin o candidato socialista á alcaldía de Santiago, Pedro Blanco. A Sánchez, pediulle que o vindeiro ano volva visitar a capital galega como presidente, para recibilo el coma rexedor. “Os zurdos somos o 10 % da poboación, pero o 29 de novembro seremos millóns e millóns”, prognosticou. Porque, defendeu, a realidade é que “PP e Vox ladran porque esta España de xustiza e liberdade cabalga”.

Noticias relacionadas