O secretario xeral do PSdeG deposita trece rosas vermellas no antigo cárcere no 51 aniversario da morte do ditador, a nove días das eleccións do 29N
No cara a cara, Besteiro viu a un Feijóo «na lama» fronte a un Sánchez que transmite «confianza, seguridade e credibilidade»
Cincuenta e un anos despois da morte do ditador, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, escolleu este venres os muros do Vello Cárcere de Lugo, a antiga prisión provincial por onde pasaron milleiros de presos políticos, para responder ao PP e a Vox. Os dous partidos que, denunciou, teñen «unha présa louca, totalmente tola, por esquecer o noso pasado». Os socialistas pensan xusto o contrario: «Nós cremos que a memoria democrática é algo que sana, que cura, non algo que divide como cren eles».
Besteiro alertou de que, se chegan a gobernar, a dereita derrogará a Lei de Memoria Democrática no primeiro Consello de Ministros e fronte a esa ameaza, o líder socialista defendeu «esa marabillosa lei que temos desde o ano 22 e que permite que lugares como este, o Vello Cárcere, sexan lugares de memoria democrática. Para informalo, para difundilo, para lembrar». O antigo cárcere lucense está xa nese camiño, despois de que o Goberno de España incoase en xuño o expediente para declaralo Lugar de Memoria Democrática.
Esa lembranza é, para Besteiro, «absolutamente reparadora», e o seu efecto chega máis lonxe que as propias vítimas. «Sana non soamente os que estiveron aquí, os familiares, os descendentes dos que estiveron aquí, senón que marca unha forma de entender a política», sostivo.
Besteiro e os candidatos socialistas por Lugo ao Congreso e ao Senado depositaron trece rosas vermellas no interior do edificio, en lembranza das trece mulleres fusiladas en Madrid en agosto de 1939. Unha delas, Julia Conesa, deixou escrito que o seu nome non se borrase da historia, e a ese desexo apelou o secretario xeral. «Hoxe queremos facer con este acto unha lembranza de todos os que nos axudaron tamén a ter democracia, dicirlles que non os esquecemos. Esa memoria constante e reparadora e fainos mellores persoas», afirmou.
Lembrar, insistiu, non ten nada que ver co rancor: «Lembralos, pero para avanzar sen rancor, sen ningún tipo de división, simplemente para saber que aquilo que pasou non debe volver acontecer e que estamos dispostos a loitar por todos os médios para que iso non volva suceder». Esa é a mensaxe de «seguir avanzando» que o PSdeG leva trasladando toda a campaña, e tamén o que se decide nas urnas: «O que nos xogamos o 29 de novembro tamén é iso, seguir avanzando nos dereitos ou retroceder e recortar os dereitos».
O secretario xeral falou dunhas «eleccións históricas» e dun «proceso de absoluta decisión» no que a democracia «nunca vai ser derrogada. Pero hai que loitar por ela, e hai que votar masivamente ese 29 de novembro». A idea da «democracia que non se derroga» será o fío do mitin que Pedro Sánchez protagoniza esta tarde no Multiusos Fontes do Sar de Santiago, e Besteiro chega a esa cita sen dúbidas sobre o resultado. Iso é o que impulsa os e as socialistas, dixo, «para traballar nesta campaña e para traballar nos catro anos máis, porque estou convencido e estou seguro de que imos seguir gobernando, porque o Partido Socialista vai gañar as eleccións».
Preguntado polo cara a cara da noite anterior entre Sánchez e Alberto Núñez Feijóo, Besteiro foi claro. «A min non me estrañou o debate de onte. Vin a Feijóo coma sempre, mentireiro, na lama, moi excitado», relatou. O candidato do PP, engadiu, non lle trasladou «unha imaxe dun presidente solvente, con credibilidade», senón a do Feijóo que en Galicia xa coñecen ben: «Unha persoa soamente obsesionada con derrocar o presidente, pero sen ofrecernos un proxecto e tapando e ocultando claramente esa axenda oculta de recortes e de retrocesos que vai propor”.
Do outro lado do plató, Besteiro viu «un presidente que actúa pensando no futuro. Unha persoa tranquila, sen entrar na lama, sen entrar no barro, propositivo e establecendo claramente esa mensaxe de confianza». E pediu a quen non seguise o debate que recupere o peche de Sánchez. «Eu convido a xente que nos está escoitando a que vexa ese minuto de ouro, porque ahí quedou claro quen é un e quen é outro.
A resposta que ofreceu o presidente do Goberno trasládame confianza, seguridade e credibilidade». A Feijóo dedicoulle aínda un último recado, coa vista posta na súa etapa na Xunta: «O de Feijóo é máis do mesmo, o que leva facendo os últimos tres anos e medio e o que fixo, por certo, aquí, mentres nos gobernou na Xunta de Galicia».
O candidato socialista á Alcaldía de Lugo, Miguel Fernández, explicou que a cita diante do Vello Cárcere non era casual, «senón polo simbolismo que representa». Fernández repasou o camiño percorrido co edificio, desde a recuperación dun inmoble «emblemático cun alto valor histórico-artístico» e a súa conversión «dun lugar de odio, de rancor, de represión nun espazo aberto de cultura, de democracia, de liberdade» ata o expediente iniciado co Goberno do Estado para facer del un dos grandes lugares de memoria democrática de Galicia. «Un espazo para recordar os represaliados, para lembrar todos aqueles que deron incluso a súa vida polas liberdades, polos seus ideais e moitas veces soamente por pensar diferente», subliñou.
Jorge Bustos, concelleiro en Lugo e número dous da candidatura socialista ao Congreso pola provincia, falou «diante dos muros que representan a historia viva da nosa cidade». Do arquitecto Nemesio Cobreros, que proxectou o edificio en 1878, dixo que «nunca se imaxinou que o seu cárcere acabaría sendo un lugar de represión política para milleiros de persoas ás que se lles negou a súa liberdade dentro destas catro paredes». E dirixiuse a elas: «Temos que dicirlles que, a día de hoxe, grazas á rehabilitación impulsada por un goberno socialista, o Vello Cárcere é un lugar de liberdade de expresión, un lugar de arte, de cultura, un lugar para que todos e todas se sintan representados».
Para o candidato, recoñecer o Vello Cárcere como lugar de memoria democrática «é un acto de xustiza para que ninguén borre o que aquí aconteceu. Non é un simple acto administrativo». E pechou cunha idea que resume o sentido da mañá: «Sempre se di que o pobo que coñece a súa historia pode ser un pobo moitísimo máis libre».
