O secretario xeral do PSdeG situou como prioridade o alugueiro accesible, criticou a “ineficacia, apatía e pasotismo” dos populares e reclamou que se desbloqueen os pisos previstos polos socialistas no espazo do antigo cuartel Sánchez Aguilera
O líder socialista lamentou que 1.100 persoas estean á espera dun fogar no municipio mentres o Concello foi incapaz de urbanizar a parcela malia que o Estado achega o financiamento das obras
Fixo un alto no seu percorrido pola cidade para apoiar as reivindicacións da comunidade educativa do colexio naronés da Solaina, que se concentrou ante a sede da Xunta para demandar a reforma integral do centro
Criticou que Feijoo non condenase “os actos vandálicos, de intimidación e de violencia machista” contra a presidenta do PSdeG e candidata ao Senado, Carmela Silva, contra simpatizantes e contra as sedes do partido
José Ramón Gómez Besteiro puxo hoxe o caso de Ferrol como exemplo da “ineficacia, a apatía e o pasotismo do PP” en materia de vivenda. O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego achegouse esta mañá ao espazo do antigo cuartel Sánchez Aguilera, onde se debían levantar máis de 400 pisos, para denunciar que o goberno local do Partido Popular non fixo nada en catro anos para urbanizar a zona.
“O anterior alcalde, Ángel Mato, deixou asinado un convenio polo que o único que tiña que facer o Concello era desenvolver un proxecto de urbanización”, explicou para recordar a continuación que a que se comprometeu ao Goberno de España, “que se volcou con esta cidade”, é financiar a actuación.
Por iso, o líder socialista criticou que toda esa área de máis de cen mil metros cadrados no centro da cidade “sigue estando igual catro anos despois” pola inacción do goberno popular de Ferrol, “apoiado polo PP de España”, con Feijoo anunciando un millón de vivendas mentres un alcalde do seu propio partido “é incapaz de iniciar un proxecto de urbanización en catro anos, e ademais con financiamento garantido”. “Feijoo promete facer 28 vivendas por hora, pero o PP leva case catro anos obstaculizando a construción de máis de 400 en Ferrol”, engadiu.
Besteiro, que situou como unha prioridade facilitar alugueiro accesible, recordou que 1.100 ferroláns e ferrolás están inscritos no rexistro de demandantes de vivenda da Xunta, á espera de acceder a un fogar, “e mentres, o PP man sobre man, sen facer nada”. “É bochornoso ver que en catro anos non se moveu unha pedra, e mais sabendo das necesidades desta comarca en materia de vivenda”, insistiu.
O secretario xeral iniciou a súa comparecencia ante os medios cunha crítica a Feijoo tras os ataques de onte contra o Partido Socialista. “Son as 12.30 e aínda non teño constancia de que condenara os actos vandálicos, de intimidación e de violencia machista que tivemos que padecer onte”, dixo respecto das pintadas na casa dun familiar da presidenta do PSdeG e candidata ao Senado, Carmela Silva, “un referente do feminismo en Galicia”, dos insultos “absolutamente despiadados” que sufriu unha traballadora dun mercado por aparecer en fotos cunha bolsa do PSOE e do ataque á sede socialista de Ponteareas.
Percorrido polo barrio de Recimil
José Ramón Gómez Besteiro iniciou a súa visita de hoxe a Ferrol cun percorrido polo mercado de Recimil, onde os socialistas distribuíron información electoral. Despois, fixo un alto na axenda de campaña para unirse á comunidade educativa do CEIP A Solaina, de Narón, que se concentrou ante a delegación da Xunta na cidade para demandar a reforma integral do centro.
Durante a mañá, acompañaron a Besteiro, entre outros cargos socialistas e candidatos, os números 1 e 2 ao Congreso, Obdulia Taboadela e Julián Reina, e o cabeza de lista ao Senado, Sindo Guinarte. Reina, concelleiro en Ferrol, sinalou que no municipio “hai 11.000 vivendas baleiras” despois de que Feijoo anunciara en 2021 un ambicioso plan para recuperar edificios en Ferrol Vello a través do plan Rexurbe que quedou en só sete pisos entregados cinco anos despois. E afirmou que, mentres a competencia exclusiva en materia de vivenda é da Xunta, o Estado está poñer enriba da mesa máis de 10 millóns de euros tanto para construír como para rehabilitar.
“O que queremos facer a partir do 29 de novembro é continuar o que xa empezamos nestes anos: seguir blindando a vivenda como quinto piar do estado de benestar, para que ningún cidadán quede atrás”, salientou.
Obdulia Taboadela defendeu que a vivenda debe ser “un dereito e non un negocio”. Por iso, censurou a “inacción” do PP. “Esta deixación de funcións no Sánchez Aguilera é só un exemplo dos moitos que temos na nosa provincia”, asegurou.
A cabeza de lista ao Congreso invitou a reflexionar antes de votar e analizar “que ten feito o Goberno pola sociedade, pola xente normal: salarios, pensións, vivenda, traballo”, e a confrontalo co que ten feito o PP onde ten competencias, cos seus recortes en sanidade, educación “e a propia vivenda”.
Sindo Guinarte chamou a votar ao Partido Socialista pensando en que tras o 29N “van vir catro anos de goberno” para os que PP e Vox planean “derrogar a lei de vivenda e derrogar o decreto recentemente avalado polo Congreso, e iso significa o fin das axudas para o alugueiro e que non vai haber bonificacións fiscais para os pequenos propietarios que alugan, e ademais, van desaparecer as zonas de mercado residencial tensionado que facilitan a contención dos prezos”.
