29N Besteiro Eleccións Xerais 21 de noviembre de 2026

Besteiro, sobre o mitin histórico de Santiago: «Dez mil persoas de todas as xeracións dixeron alto e claro que o 29N Galicia quere seguir avanzando»

O secretario xeral do PSdeG destacou que onte, unha “mestura de xeracións”, tamén do partido, “compartiron unha mensaxe de unidade, pero, sobre todo, de esperanza para o futuro

“51 anos despois da morte de Franco, a dereita extrema e a extrema dereita abren a posibilidade de que volva haber ministros franquistas no Goberno”, advertiu o líder socialista

Desde Pontedeume, xunto ao alcalde e candidatos, chamou a votar o vindeiro domingo “á candidatura máis confiable, seria, optimista, alegre e capaz de superar os retos que temos por diante, a candidatura do PSOE

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, valorou desde Pontedeume a demostración de forza dos socialistas onte no Multiúsos do Sar compostelán. Foi un mitin “espectacular” no que “dez mil persoas de todas as xeracións dixeron alto e claro que o 29N Galicia non vai retroceder, que quere seguir avanzando.

Durante un percorrido polo mercado e a feira da localidade na compaña de candidatos e cargos socialistas, chamou a apoiar o vindeiro domingo “á candidatura máis confiable, seria, optimista, alegre e capaz de superar os retos que temos por diante, a candidatura do PSOE”. “Imos demostralo coa forza dos votos, da mobilización masiva que pediu Pedro Sánchez aquí, en Galicia”, engadiu.

Besteiro animou tamén a seguir “a pé de rúa” para acadar ese obxectivo cara o que onte se deu un novo paso. “Vimos emocionados, polo sentimento que había alí e pola mestura de xeracións”, asegurou sobre un mitin no que, sinalou, tamén estaban representadas “todas as xeracións incluso do propio partido”, cos expresidentes Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe no auditorio, “compartindo unha mensaxe de unidade, pero, sobre todo, de esperanza para o futuro”.

Defendeu, precisamente, que a xente quere falar dese futuro, porque “para falar do pasado están outros”. Referiuse así, xusto cando se cumpren 51 anos da morte do ditador a que “a dereita extrema e a extrema dereita abren a posibilidade de que volva haber ministros franquistas no Goberno”.

Falou tamén da presenza de Ramona Maneiro no multitudinario acto de campaña. Reivindicou o dereito á eutanasia, que simboliza a morte de Ramón Sampedro “sen poder beneficiarse del”. “Queremos avanzar en dereitos, non volver atrás, á España en branco e negro”, afirmou para chamar a acudir masivamente ás urnas e acadar ese dato de participación do 75 % que Pedro Sánchez sinalou como meta para manter o Goberno de progreso. “Estou seguro de que incluso o imos superar”, dixo.

Besteiro apuntou tamén ao contexto internacional, con Brasil e Estados Unidos superando a onda reaccionaria. “España vai ser a terceira”, vaticinou. “Diremos claramente que lles plantamos cara aos poderosos que non pensan na inmensa maioría da sociedade!”, salientou.

Insistiu, para rematar, en “pedir o seu voto a toda a xente progresista, á xente que quere avanzar e que pensa nos seus fillos e nos seus netos”.

Compartiron o percorrido do secretario xeral polas rúas eumesas, entre outros, o secretario xeral provincial e alcalde, Bernardo Fernández Piñeiro; o deputado Aitor Bouza; o número 1 da candidatura socialista ao Senado pola Coruña, Sindo Guinarte; o número 2 ao Congreso, Julián Reina, e o candidato á alcaldía de Santiago e delegado do Goberno, Pedro Blanco.

Fernández Piñeiro destacou que o acto “histórico” en Compostela é un reflexo “da mobilización que estamos a palpar estes días nas rúas”, fronte á “soberbia” dun Partido Popular que en días pasados retaba a encher o pavillón do Sar. “Onte amosamos que a educación e as propostas pensadas para mellorar a vida das persoas son as que moven á cidadanía, e por iso metemos 2.000 persoas máis que o PP”, subliñou. Para o secretario provincial, iso “é o que lle vai pasar a Feijoo o 29N”, cun fracaso electoral “que o levará novamente á oposición e incluso fóra da dirección do partido”.

Bernardo Fernández: “Son as eleccións máis importantes da historia da democracia”

“Queda unha semana para falar do que non queren que falemos: pensións, salarios dignos, emprego de calidade, cultura, crecemento económico e un país que é respectado máis alá das nosas fronteiras e que defende a legalidade internacional e os dereitos humanos”, animou de cara as que son “as eleccións máis importantes da historia da nosa democracia, porque por primeira vez o fascismo pode volver estar á fronte das institucións”.

Para eses sete días, Sindo Guinarte pediu “máis ilusión e máis forza que nunca”. O cabeza de lista á Cámara Alta apuntou que en Galicia “hai máis votantes progresistas que de dereitas”, polo que chamou a “concentrar o voto” no PSOE. “Xogámonos moito”, advertiu, e mostrou a súa confianza en que a candidatura de progreso vai ser quen de superar á do PP.

“Pedimos o voto útil, pero non útil para o partido, senón para a xente, útil para defender os dereitos e para defender as conquistas sociais de toda a cidadanía”, concluíu.

Noticias relacionadas