O secretario xeral do PSdeG pide en Padrón o voto para Obdulia Taboadela e Sindo Guinarte e carga contra a dereita que quere eliminar dereitos e quitarlles o voto aos netos da emigración
Sindo Guinarte, candidato socialista ao Senado pola provincia da Coruña, ve o PSdeG en disposición de consolidar o terceiro deputado pola Coruña e de darlle a volta ao resultado do Senado
Padrón, 22 de novembro de 2026. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, foi este domingo a Padrón, na terra de Rosalía de Castro, e lembrou que a poeta escribiu «eu son libre» hai case 170 anos e pedir que esa liberdade se defenda nas urnas o 29 de novembro. Acompañouno Sindo Guinarte, cabeza de lista ao Senado pola provincia da Coruña, nun reparto de información electoral no que Besteiro pediu tamén o apoio para a candidatura que Obdulia Taboadela encabeza ao Congreso e para o propio Guinarte.
Rosalía tiña 21 anos cando publicou en Vigo, en 1858, «Lieders», un artigo que está considerado o primeiro manifesto feminista publicado en Galicia. Escribiuno nun tempo no que a unha muller case non se lle permitía nada. Diso partiu Besteiro para lanzar a pregunta que atravesou a súa intervención: «Se Rosalía foi capaz, en 1858, de escribir no seu artigo ‘Lieders’ aquilo de ‘eu son libre’, como non imos ser capaces, 170 anos despois, de defender esas liberdades que proclamaba Rosalía?».
«Como non imos ser capaces de defender os dereitos e as liberdades que nos fomos dotando durante estes anos de democracia?», engadiu. O dirixente socialista cargou contra «esa xente intolerante, esa xente que quere recortar os dereitos, esa xente que o obtivo todo pero que non quere que a maioría deste país o obteña». E lembrou que Vox leva no seu programa para estas eleccións derrogar as leis que, segundo o partido de Santiago Abascal, «criminalizasen os homes». O 29N, sostivo, vótase un modelo de país, e a cidadanía decide se segue avanzando en liberdades e en dereitos ou se volve á España en branco e negro coa motoserra de Feijóo e Abascal.
A Rosalía que reivindicou en Padrón é tamén a que escribiu sobre a emigración, a dos versos de Follas novas «Este vaise i aquel vaise, e todos, todos se van». Besteiro lembrou que durante moitos anos Galicia despediu a súa xente nova porque aquí os soldos non chegaban, e ligou esa historia coa subida do salario mínimo que impulsou o Goberno de Pedro Sánchez. Os socialistas queren seguir por ese camiño para que quedar en Galicia non sexa un luxo.
Desa emigración veñen tamén os netos que obtiveron a nacionalidade española, e aí situou o secretario xeral o seu ataque máis duro. Apuntou a «esa dereita e esa ultradereita que lle dá as costas a todo ese mundo, a toda esa xente que sacou a nacionalidade e que, podendo facer uso do voto, xa llo queren negar». Besteiro ironizou con que o mesmo Feijóo que antes ía a Bos Aires a darse abrazos e bicos sexa agora quen máis ganas ten de borrar do censo os netos dos galegos que tiveron que marchar.
«É momento de conciliar esa ansia pola liberdade, esa ansia por ter máis dereitos, cun voto, e un voto útil, ao Partido Socialista», resumiu. Pediu ese voto para a candidatura socialista “que garantirá que seguiremos avanzando e que non imos dar ningún paso atrás», e defendeu que na provincia da Coruña cada voto ao PSOE pode ser o que deixe fóra a ultradereita.
Pola súa Banda, Sindo Guinarte, concelleiro en Santiago, encabeza pola Coruña Senado de Progreso, a candidatura conxunta do PSdeG co Frente Amplio á Cámara Alta, describiu unha campaña que entra na recta final cos socialistas en ascenso. «Estamos a piques de entrar no último terzo da campaña electoral, queda moi pouco, e o que estamos a constatar é que o Partido Socialista está medrando e o Partido Popular vai cara abaixo», afirmou.
Para Guinarte, a xente está a darse conta «aínda máis» de que hai dous modelos. O do PP e Vox, que «se dedica a insultar» e «a non argumentar», e o do Partido Socialista, «que argumenta, que é respectuoso, que é educado, que é solvente», liderado por Pedro Sánchez, a quen definiu como «unha persoa educada, que argumenta, que fai propostas e que goberna para a maioría da xente».
«Imos consolidar o terceiro deputado pola provincia da Coruña para o Partido Socialista e imos darlle a volta ao resultado do Senado», asegurou o candidato, que confía en obter tres senadores pola provincia e «deixar nun a esa coalición PP-Vox». Ve ese resultado «perfectamente posible» porque «o voto progresista é maioritario» e a maioría dos coruñeses e dos galegos son progresistas. A condición, dixo, é concentrar ese voto e facer que sexa útil «para a defensa dos dereitos das persoas máis vulnerables» e para defender as pensións e o salario mínimo interprofesional, entre outros logros destes anos.
Besteiro e Guinarte estiveron acompañados no reparto por Anxo Arca, alcalde de Padrón, e Aitor Bouza, secretario xeral da agrupación socialista de Santiago.
