O secretario xeral do PSdeG reivindica en Ponteareas a firmeza de Sánchez fronte aos poderosos e defende que só o PSOE protexe o Estado do benestar
Abel Losada e Vanesa Fernández reivindican a depuradora e os 6,5 millóns do Plan EDIL que chegaron a Ponteareas co Goberno de Pedro Sánchez
Ponteareas, 22 de novembro de 2026. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pechou filas este domingo en Ponteareas con Carmela Silva despois das pintadas con insultos machistas que apareceron no portal do edificio de Vigo onde vive o seu fillo. Abriu a súa intervención dirixíndose a ela, destacou a valentía con que fixo fronte a ese sinalamento e a ese odio e advertiu de que os socialistas non van dar nin un paso atrás nin consentir este tipo de comportamentos.
Besteiro foi o último en intervir nun mitin que abriu Violeta Lois, candidata socialista en Mondariz, e no que tamén interviñeron os cabezas de lista por Pontevedra, Abel Losada ao Congreso e Carmela Silva ao Senado, e a candidata á Alcaldía de Ponteareas, Vanesa Fernández.

Do cara a cara do xoves entre Pedro Sánchez e Feijóo, Besteiro subliñou as mentiras do candidato popular. «Ao final, as mentiras que di Feijóo nun debate caen por si soas. Tan por si soas que ás dúas horas xa estaban os verificadores», dixo.
Fronte a el estaba «un presidente do Goberno que facía propostas, que estaba tranquilo, que non respondía aos insultos», engadiu, e que lle ofreceu un acordo sobre as pensións no que Feijóo nin entrou. Lembrou tamén o que o líder popular non fixo, ou fixo mal, en trece anos de Xunta. Do mitin de Sánchez do venres en Santiago quedou coa imaxe de todas as xeracións xuntas e coa alegría de sempre, fronte a quen representa «esa España de branco e negro».
Gabou a firmeza de Sánchez fronte aos poderosos, desde a negociación en Europa dun fondo de recuperación de máis de 120.000 millóns de euros para saír da pandemia protexendo os empregos e as empresas ata o pulso con Estados Unidos, Israel e Rusia. «Non todo o mundo era capaz de plantarse e de dicir ata aquí chegamos», sinalou, e lembrou que nestes oito anos o Goberno estivo sempre cos vulnerables.
Para Besteiro, a democracia mídese en dereitos. Os que afectan a todos, como a sanidade e a educación públicas, as pensións, a dependencia ou a vivenda, e tamén os das minorías, como o matrimonio igualitario. Aí contou que, cando o Goberno de Zapatero aprobou esa lei, a súa nai, muller católica e votante socialista, preguntáballe que necesidade había de facelo, aínda que ía votar igual. «Tamén os católicos e os cristiáns votan os partidos socialistas», apuntou. Ao final, deulle a razón.
O matrimonio igualitario non obriga a ninguén a casar, igual que a lei do divorcio non obrigou a ninguén a divorciarse, lembrou. Aquela lei impulsouna un goberno da UCD e os socialistas apoiárona desde a oposición, porque «sempre fomos unha oposición responsable», algo que non se pode esperar do PP cando toca apoiar un goberno por patriotismo de verdade.
Ser patriota, defendeu, é entender os intereses do país, e a maioría da xente, se se lle pregunta, quere o mesmo, un Estado forte e un Estado do benestar que lle dea futuro.
Na vivenda, acusou as comunidades do PP de seren responsables polo que non fixeron e polo que impediron facer. «Chegaron cartos do Estado, máis ca nunca, para facer vivenda pública. Pero eles non fixeron nada, miraron para outro lado», dixo. A Xunta fala agora de chegar ás 10.000 vivendas públicas en 2030, cando hoxe xa hai, segundo Besteiro, peticións para 38.000.
Onde os socialistas ven Estado do benestar, o PP ve «negocio privado», e por iso a cada servizo público lle opón un privado. A maioría, rematou, só ten unha opción, o Partido Socialista, «porque somos os que defendemos a clase traballadora».
Carmela Silva falou en primeira persoa das pintadas. «Espertar e ver como á súa nai e á súa avoa lle escriben que é unha puta. Teño que dicilo así de claro, con todas as letras, porque alí é onde está escrito e onde toda a xente que pasaba por aquel edificio o podía ler», explicou. Lamentou que a súa familia teña que sufrir que ela se dedique á política, pero contou que o seu fillo lle di que está moi orgulloso dela porque sempre defendeu as causas xustas. Tamén lles trasladou aos veciños unha aperta inmensa do alcalde de Vigo, Abel Caballero.
Abel Losada falou dos dereitos gañados polos traballadores, polas persoas dependentes, polas que están en situación de vulnerabilidade económica e, sobre todo, polas mulleres e polo colectivo LGTBI. O cabeza de lista ao Congreso defendeu un Goberno que pense na xente e que saiba dicir non aos poderosos, sexan as corporacións do gran capital ou os líderes da ultradereita internacional, cunha fiscalidade progresiva que favoreza a cohesión social. Enfronte, dixo, está un Feijóo que promete baixar os impostos e, ao mesmo tempo, dobrar a cerviz diante de Trump para levar o gasto militar ata os 80.000 millóns de euros, algo que só sería posible con recortes sen precedentes.
A depuradora da Moscadeira, que acabou cos vertidos, chegou co Goberno de Pedro Sánchez, lembrou Losada, igual que os 6,5 millóns de euros que o Concello vén de recibir do Ministerio de Facenda a través do Plan EDIL para as principais obras urbanas do próximo mandato. «Unha inxección de fondos tan extraordinaria que a alcaldesa fixo todo o posible por ocultar que os cartos viñan do Goberno de España e dos fondos europeos pelexados en solitario por Pedro Sánchez», criticou.
Vanesa Fernández, que falou xusto antes de Besteiro, apostou por un Goberno socialista que faga progresar España catro anos máis con Pedro Sánchez á cabeza. Só cun presidente socialista, concluíu, Ponteareas vai seguir recibindo investimentos e verá rematadas as infraestruturas pendentes.
