Aitor Bouza Educación PARLAMENTO DE GALICIA 17 de noviembre de 2026

Bouza apunta que a Lei de Educación Dixital do PP inclúe «moito fume, pouca realidade e ningunha materialización de dereitos»

Aitor Bouza advirte que a Lei, aprobada sen o consenso da comunidade educativa nin dos grupos parlamentarios, “non vai resolver os problemas do ámbito dixital na educación”

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2026. O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Aitor Bouza, advertiu hoxe que a Lei de Educación Dixital que aprobou hoxe o Parlamento co único voto a favor do PP supón “moito fume, pouca realidade e ningunha materialización de dereitos”. Os socialistas votaron en contra deste texto, que chega sen o consenso nin o diálogo coa comunidade educativa nin cos grupos parlamentarios, e que “non vai resolver os problemas do ámbito dixital na educación”.

Bouza criticou que o PP tan só incorporara 7 das 158 emendas que presentou o Grupo Socialista no debate parlamentario dunha Lei que chegou á Cámara incorporando tan só 32 achegas das en torno a 900 que presentou a comunidade educativa, tal e como recoñeceu o portavoz do PP. Acusou ao PP e ao goberno galego de “dialogar consigo mesmos” para levar adiante un texto que “é necesario, pero non é adecuado” tal e como o aprobaron.

O responsable socialista explicou que a norma chega sen memoria económica e con ata 31 referencias a “promoverase” que o PP non quixo cambiar por garantías efectivas, como pedía o Grupo Socialista. Dixo que a Lei constitúe polo tanto un catálogo de boas intencións” que “poderían resolver cun protocolo” con recomendacións para os centros educativos, no canto dunha Lei “que non se vai poder materializar nin executar”.

Anunciou que os socialistas galegos convocarán unha Comisión de traballo para escoitar á comunidade educativa, que o PP rexeitou, e presentar as súas aportacións para “seguir traballando por unha Lei de Educación Dixital que sexa acorde ás necesidades reais da comunidade educativa”.

Noticias relacionadas