Igualdade Paloma Castro PARLAMENTO DE GALICIA 17 de noviembre de 2026

O PP vota en contra da Lei do PSdeG para protexer ás mulleres e ás nenas fronte á violencia machista dixital

A deputada socialista Paloma Castro defende no Parlamento unha alternativa á lei da Xunta, que os socialistas consideran insuficiente para protexer as mulleres e as nenas

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2026. A deputada socialista Paloma Castro defendeu hoxe no Pleno do Parlamento a proposición de lei contra o acoso e a violencia dixital do PSdeG, un texto de corenta artigos que o seu grupo rexistrou ao comprobar que o proxecto do Goberno galego sobre a mesma materia «tiña moitas eivas» e «non protexía suficientemente as vítimas desta nova forma de violencia».

Os socialistas xa o advertiran cando emendaron á totalidade a lei da Xunta. Segundo Castro, o carácter xeral daquel texto dilúe o feito de que boa parte da violencia dixital contra mulleres e nenas nace da desigualdade de xénero e reproduce na rede a mesma dominación que existe fóra dela. «O machismo adáptase. Modernízase e utiliza novas ferramentas para exercer o mesmo control de sempre», dixo. A deputada lembrou datos da ONU segundo os cales máis do 73 % das mulleres estiveron expostas a algún tipo de violencia en internet, e o 90 % das vítimas da difusión de imaxes íntimas sen consentimento son mulleres.

A Lei do PSdeG protexe todas as persoas, pero define expresamente a violencia dixital contra as mulleres e enumera as súas formas, desde a sextorsión e a difusión de imaxes íntimas ata o control da parella ou exparella, as campañas coordinadas de acoso ou os contidos sexuais falsos creados con intelixencia artificial. Castro resumiuno dicindo que a norma «non é neutra ante unha realidade evidente».

A deputada detívose no artigo 13, que recolle o uso das redes sociais e das aplicacións de mensaxería para captar mulleres e nenas para a prostitución, a trata e a explotación sexual. O texto prevé protocolos de detección e atención integral ás vítimas, e obriga a incluír esta dimensión no Plan de loita contra a trata. «Queremos que Galicia mire tamén cara ao lugar no que hoxe se produce unha parte da captación e da explotación sexual, que é a pantalla dun teléfono móbil», afirmou.

Na atención ás vítimas, a proposta recoñece o dereito a unha asistencia gratuíta e especializada, con apoio xurídico e técnico para conservar as probas, e engade un dereito novo á reparación integral e á recuperación do proxecto vital. «Queremos que a vítima non teña que peregrinar dunha administración a outra explicando unha e outra vez o que lle ocorreu», explicou Castro, que advertiu de que «retirar unha fotografía ou pechar unha conta non significa necesariamente que o dano rematase».

A lei crea tamén un Plan galego contra a violencia dixital contra as mulleres, con medidas para colectivos como as mulleres rurais, maiores, migrantes ou con discapacidade, e leva a prevención ás aulas e ás universidades. Coas plataformas establece vías máis rápidas para retirar, bloquear ou desindexar contidos, con prioridade para os casos que afecten a menores e as imaxes sexuais falsas. Inclúe formación para todo o persoal que atende vítimas, incorpora a violencia dixital ao Observatorio Galego da Violencia de Xénero e abre a participación ás organizacións feministas e ás propias vítimas.

Na súa segunda intervención, Castro citou a Amnistía Internacional, que sinala que o 85 % das mulleres que usan internet presenciaron violencia dixital e o 38 % a sufriron. Detrás desas cifras, dixo, hai mulleres que deixaron de publicar ou que renunciaron a participar en debates por medo, e iso empobrece a democracia. A deputada denunciou os ataques ao corpo e á sexualidade que reciben as mulleres con presenza pública para desacreditalas e calalas, e advertiu de que as redes non poden converterse nunha nova forma de expulsalas do espazo público que conquistou o feminismo.

Puxo o foco tamén na dimensión económica e de clase do problema. Non todas as mulleres poden pagar asesoramento xurídico ou atención psicolóxica, nin afastarse das redes sen consecuencias no seu traballo, e para moitas autónomas, estudantes ou pequenas emprendedoras internet é unha ferramenta imprescindible. Por iso rexeitou que a resposta sexa pedirlles ás vítimas que bloqueen ou que se desconecten. «A responsabilidade non pode recaer sobre quen sofre a violencia. Debe recaer sobre quen a exerce e sobre as institucións que teñen a obriga de protexer os dereitos da cidadanía», afirmou.

Sobre as grandes plataformas, Castro defendeu que os dereitos fundamentais non poden quedar subordinados á rendibilidade de empresas privadas, e que a liberdade de expresión non pode servir de escusa para amparar ameazas, sen que iso supoña renunciar ás garantías democráticas. «Ningunha muller debe ter que escoller entre participar e sentirse segura», dixo ao remate da súa intervención.

Noticias relacionadas