José Ramón Gómez Besteiro PARLAMENTO DE GALICIA 5 de octubre de 2026

Besteiro avisa de que o 29 de novembro haberá que elixir entre «dereita ou dereitos»

O secretario xeral do PSdeG aplaude a convocatoria electoral, sitúa os piares do estado do benestar, coa vivenda á cabeza, no centro do debate e asegura que os socialistas galegos están preparados para saír a gañar

Besteiro envia todo o seu apoio ao alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, agredido o sábado, e sinala a «esa dereita que está crispando» como responsable do clima de tensión

Celebrou ademais que o Goberno volva aprobar os decretos para que se debatan de novo, desta volta na Deputación Permanente do Congreso

Besteiro opuxo o modelo socialista ao dos gobernos do PP de Mariano Rajoy e de Feijóo en Galicia, que «cando houbo crise miraron para outro lado» baixo a lóxica de «que cada un se amañe como poida”

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2026. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, aplaudiu este luns a decisión do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de convocar eleccións xerais para o 29 de novembro, e deixou clara a disxuntiva que, ao seu xuízo, terá diante a cidadanía: «Nestas eleccións non só se vai decidir quen gobernará España nos próximos anos. Imos ter que elixir entre dereita ou dereitos».
Besteiro asegurou que os socialistas galegos están «preparados para saír a gañar estas eleccións» e reivindicou o PSdeG como «o único partido que ten a forza, a capacidade e, o que é máis importante, a determinación necesarias para darlle un verdadeiro portazo político á extrema dereita e a esa dereita extrema». Por iso apelou á responsabilidade de toda a cidadanía.
A vivenda será o gran eixo do debate. «Xa dixen o outro día que estas eleccións ían ser un referendo en favor do dereito á vivenda: en que condicións se accede a unha vivenda, quen pode acceder a unha vivenda digna e quen, desgraciadamente, non», lembrou. E avisou de que tamén se falará de Galicia, «porque a vivenda é unha competencia da comunidade autónoma». Nese punto, emprazou o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, a explicar en campaña «que fixo durante trece anos en Galicia en favor da vivenda pública». «Ata agora non sabemos cal é a súa posición nin como vai construír. Pero si sabemos algo: durante moitos anos estivo aquí e non fixo absolutamente nada», sentenciou.
Besteiro contrapuxo as mobilizacións polo dereito á vivenda que encheron o sábado as rúas das principais cidades galegas coa actitude do PP, que o pasado venres rexeitou no Congreso os decretos de vivenda, xunto con Vox, Junts e UPN, e celebrou a súa caída. «Este fin de semana miles de persoas manifestáronse, e non só nos espazos públicos: nas casas e nas familias de toda Galicia víase o apoio a quen reclama o acceso á vivenda. Pola contra, o Partido Popular estaba de festa», criticou.
Para o dirixente socialista, esa votación retratou cada partido: quen no seu día rescatou a banca apostou agora por non rescatar as persoas. «Rescatan bancos, rescatan entidades financeiras, pero non queren rescatar as persoas», resumiu. Besteiro celebrou ademais que o Goberno volva aprobar os decretos para que se debatan de novo, desta volta na Deputación Permanente do Congreso.
«A cidadanía vai decidir a quen lle entrega as chaves do Goberno», advertiu. «Vai decidir entre entregalas a Feijóo, a Rueda e a Abascal ou pecharlles a porta a todos aqueles que cren que a vivenda é un negocio e non un dereito». Na súa opinión, a escolla está entre «un modelo no que a dereita extrema (PP e VOX) chega á Moncloa e no que os fondos voitre fan o seu negocio» e outra forma de gobernar, que converta a vivenda no «quinto piar do Estado do benestar».
Besteiro lembrou que a sanidade, as pensións, a educación pública e a dependencia, esta última «unha construción do presidente Rodríguez Zapatero», xa son piares do Estado do benestar. «A responsabilidade de levar adiante nos últimos 40 anos as propostas máis ambiciosas para este país ten un nome e ten un partido, que é o Partido Socialista», subliñou.
O secretario xeral do PSdeG defendeu tamén o balance do Goberno. España supera os 22,4 millóns de afiliados á Seguridade Social, medra por riba da zona euro e máis que Alemaña ou Francia, e o salario mínimo interprofesional chegou aos 1.221 euros, un 66 % máis que en 2018. «Se nolo din hai dez anos, ningún dos que estamos aquí o crería», apuntou. «A conclusión é que os socialistas non só gobernan máis, senón que gobernan mellor». Engadiu a garantía da revalorización anual das pensións e o peso internacional de España, co recoñecemento de Palestina.
Besteiro opuxo ese modelo ao dos gobernos do PP de Mariano Rajoy e de Feijóo en Galicia, que «cando houbo crise miraron para outro lado» baixo a lóxica de «que cada un se amañe como poida». Fronte a iso, reivindicou a resposta do Goberno de Sánchez á pandemia, á crise dun volcán, a unha guerra ás portas de Europa ou á nova guerra en Oriente Medio. «Poderanse cuestionar moitas das medidas, pero ninguén poderá dicir que o Goberno mirou para outro lado», afirmou.
O líder socialista mostrouse convencido de que a mobilización xa está en marcha. «A esquerda non se vai abster, a esquerda vai ir votar. E non só a esquerda, tamén o centro-esquerda: aquelas persoas que consideran que un goberno progresista é capaz de defender os seus dereitos e de mellorar a súa situación», dixo. Ao seu xuízo, o que pasou nestes días coa votación dos decretos foi «un catalizador» dunha sensación que viña de tempo atrás.
Besteiro abriu a súa comparecencia expresando todo o apoio do PSdeG ao alcalde de Vilagarcía de Arousa e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, que presenta hoxe unha denuncia pola agresión que sufriu o sábado ao berro de «rojos de mierda». «Non podemos, nin debemos, nin imos normalizar nunca os insultos, as manifestacións de odio e de violencia», afirmou. E sinalou o responsable: «Teño absolutamente claro que é esa dereita que está crispando. E, ao final, prodúcense situacións tan lamentables como a que aconteceu este fin de semana en Vilagarcía».
Besteiro lembrou que os socialistas xa viñan advertindo de que isto podía pasar, porque o clima de crispación e de tensión acaba levando a que «irresponsables e violentos» crucen «unha liña que nunca se debe sobrepasar». «A denuncia deixa claro que os socialistas non imos mirar para outro lado: non só imos rexeitar estas condutas, imos actuar contra as persoas que utilizan a violencia e o insulto como forma de expresarse en democracia», advertiu. Para Besteiro, o episodio «marca un antes e un despois».
Sobre o proceso interno, Besteiro avanzou que a Executiva galega reúnese hoxe pola trade e que o calendario para elaborar as candidaturas podería quedar pechado nos próximos 10 ou 15 días: “Expres pero coas garantías de sempre no PSOE: a participación desde a primeira agrupación ata a última, ata chegar á decisión final do Comité Federal sobre as listas en toda España”.

Noticias relacionadas