Esixe información sobre as baixas, renuncias e substitucións e alerta de que “falta persoal e falta planificación” nos recursos e esixe un modelo de brigadas con “estabilidade, experiencia, formación e continuidade”
Santiago de Compostela, 02 de outubro de 2026. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, acusou hoxe ao goberno galego de agochar información sobre a falla de persoal nas brigadas de prevención e extinción de incendios. Así o dixo logo da resposta do goberno a unha pregunta en Comisión na que agocharon información sobre as baixas, renuncias e substitucións que se produciron ao longo da temporada.
Dacosta advertiu que “falta persoal e falta planificación” no servizo, e esixiulle ao goberno galego un modelo de brigadas de prevención e extinción de incendios que garanta “estabilidade, experiencia, formación e continuidade” no persoal.
Criticou ademais que estean a contratar de forma temporal a través da empresa pública Seaga para cubrir unha necesidade estrutural, competindo ademais cos concellos, que tamén están a buscar o mesmo persoal para as brigadas municipais. Isto provoca que “acaben buscando practicamente ao mesmo tempo persoas para os traballos de prevención e extinción”, nun mercado laboral no que “non existen traballadores suficientes”.
A responsable socialista advertiu que o goberno galego foi incapaz de contratar a todo o persoal necesario para cubrir as 42 brigadas anunciadas pola Xunta, o que supoñen un total de 181 persoas xa que cada unha delas consta de catro efectivos, ademais dos catro técnicos e nove capataces para as tarefas de xestión.
Sinalou que “unha brigada anunciada non é necesariamente unha brigada constituída, e isto tampouco significa unha brigada completa e operativa no monte”, e afeoulle que volveran ao modelo de Seaga que eles mesmos desbotaron en 2019.
Lembrou que a Xunta ten a responsabilidade de “planificar, dotar de persoal, controlar e garantir que os recursos existan cando fan falta, non meses despois”. Dacosta advertiu que “se faltan recursos, teñen que reforzar o servizo”, e esixiu un dispositivo con “persoal, estabilidade e planificación suficiente dos recursos humanos”.
